Friday 03 de May de 2024

Fene mantén o seu Entroido pero adaptado á pandemia


A Concellería de Cultura ultima os preparativos do Entroido 2022 que celebrará nas xornadas do martes 1 e mércores 2 de marzo, festivo local no Concello de Fene. Á vista da situación sanitaria e tendo en conta as recomendacións das autoridades para que se eviten actividades que supoñan grandes concentracións de xente, nesta edición o Goberno Municipal acordou prescindir da festa infantil do martes e do festival de comparsas que tradicionalmente se desenvolvía na xornada do mércores de cinza.

Sí mantén o desfile de comparsas – para o que xa está aberto o prazo de inscrición- e a queima do Entroido que finalizará o mércores cun espectáculo pirotécnico. O programa complétase cun concerto, “Tributo hard rock”, que terá lugar o martes a cargo do grupo Exit.

As comparsas interesadas en participar no Entroido de Fene 2022 teñen de prazo até as 14.00 horas do venres 25 de febreiro para inscribirse no Rexistro Xeral do Concello (bases publicadas na web municipal) e optar ás axudas que establece o Concello de Fene para fomentar a participación da veciñanza nos actos do Entroido.

O ciclo comezará na xornada do martes 1 de marzo, Martes de Entroido, co concerto “Tributo hard rock”, a cargo do grupo EXIT. A actuación terá lugar ás 20.00 horas na praza do alcalde Ramón José Souto González, con entrada de balde, aforo limitado e reserva previa de entradas (até as 14.00 horas do 28 de febreiro) no correo-e cultura.deportes@fene.gal, no teléfono/whatsapp 687 709 137 ou no teléfono 981 340 366.

EXIT é unha banda de versión nada no ano 2008. Orixinalmente creouse para ser o grupo residente na prestixiosa Sala Mardi Gras de A Coruña, un dos clubs de música en directo máis importantes a nivel nacional. É alí onde se desenvolveu a maior parte da súa actividade, tocando cada noite dos xoves os múltiples éxitos a unha lexión de admiradores/as.

O repertorio de EXIT, que actualmente conta con máis de 100 temas, está cheo de clásicos da historia do rock de diferentes décadas. Todas eles himnos que transportan á audiencia ás mellores épocas das grandes bandas rockeiras:

David Bowie, Kiss, AC/DC, Rolling Stones, Ramones, Led Zeppelin, Jimi Hendrix, Janis Joplin, Guns n´Roses, Queen, Sex Pistols… son só algúns dos artistas que EXIT leva ao escenario.

A formación conta con Ton Eirín como voz principal, guitarra e harmónica; JC Nogueira á guitarra, Marcos Pazo á batería e Javi Vaamonde ao baixo e voces.

As actividades continuarán o mércores 2 de marzo, Mércores de Cinza e festivo local no Concello de Fene. Comezarán coa concentración das comparsas participantes ás 19.00 horas en Perlío (Establecemento Aguilar) para iniciar un percorrido pola Avda. Marqués de Figueroa e Rúa da Fraga, ata chegar á Avenida do Concello. Este ano non haberá actuación das comparsas na Praza do alcalde Ramón José Souto González. No seu lugar, as comparsas actuarán ao longo do percorrido. E, ao remate do desfile, as distintas agrupacións actuarán tamén en distintas localizacións da Avenida do Concello e Rúa da Fraga. Estas localizacións, xunto co nome da comparsa que actuará en cada punto, anunciaranse na páxina web http://www.fene.gal e no Facebook https://www.facebook.com/concellofene

Por último, ao remate da xornada, terá lugar a queima do boneco e o espectáculo pirotécnico (no Parque Castelao).

Atendendo á situación sanitaria, o Concello de Fene vén de facer públicas as recomendacións de seguridade e medidas preventivas COVID para o público que asista ao desfile de comparsas do Mércores de Cinza.

– Situarse nas beirarrúas, beiravías e outros espazos nos que non se interfira no desfile.
– Non invadir o espazo no que actúen as comparsas, nin interactuar cos seus membros.
– Gardar a distancia de seguridade, 1,5 metros, entre persoas non conviventes.
– Recomendable o uso da máscara en todo momento para persoas de 6 ou máis anos (Protocolo da Dirección Xeral de Saúde Pública para as actividades do Entroido e concentración de persoas na vía pública).
– Utilizar o solucións/xeles hidroalcohólico ou lavar as mans logo de tocar obxectos que puideran estar contaminados (por exemplo, as letras que distribúen as comparsas)
– Atender as indicacións que lle formule o persoal encargado da organización.

– Extremar as precaucións cando remate o desfile ou se restableza o tráfico rodado.

En caso de mal tempo ou por aplicar medidas preventivas derivadas da COVID, poderíanse anular o desfile e o resto de actividades. Anunciarase a partir das 13:00 horas do mesmo día 2 de marzo na páxina web http://www.fene.gal e no Facebook https://www.facebook.com/concellofene